segunda-feira, 18 de setembro de 2017

Morreu o filósofo marxista catalán Antoni Domènech

O filósofo marxista Antoni Domènech morreu onte en Barcelona, a cidade onde nacera, aos 65 anos. Influínte pensador da esquerda catalá, un dos máis significados discípulos do comunista Manuel Sacristán Luzón, centrou boa parte dos seus esforzos nos últimos tempos á publicación dixital Sin Permiso.

Sin Permiso deu saída a ensaios e artigos dalgunhas das principais sinaturas da esquerda mundial. Ademais dunha edición en papel de periodicidade variábel, a publicación tamén incluíu análises da conxuntura política no Estado español asinadas polo propio Domènech canda o teórico da renda básica Daniel Raventós e mais Gustavo Búster. Domènech procedía da tradición do Partido Socialista Unificado de Catalunya (PSUC) e defendía firmemente o dereito de autodeterminación e un referendo para Catalunya.

Filósofo republicano e catedrático de Filosofía das Ciencias Sociais e Morais da Universidade de Barcelona, animador de revistas históricas da esquerda catalá como Materiales (1977-1979) ou Mientrastanto (1979-1987), escribiu os libros De la ética a la política. De la razón erótica a la razón inerte (1989) e El eclipse de la fraternidad. Una revisión republicana de la tradición socialista (2004).

En Galiza, onde ofreceu conferencias e participou en numerosos debates, mantiña unha estreita relación con Xosé Manuel Beiras e a súa contorna política máis achegada.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário