segunda-feira, 22 de janeiro de 2018

MARCO MARIL (APENINO): "O de Fluzo vai camiño de ser un disco de culto”

Marco Maril é un convite sempre a abrir os oídos. Xa fose naqueles 90 de velocidade e urxencia (Fulsomes) como cando nos convidou ao pop experimental e elegante (Dar Ful Ful).  Un bo facer que mantén no seu actual proxecto, Apenino, facturando un pop electrónico e intimista que en 2014 regalou toda unha pequena xoia para a música en galego, ‘Viravolta’.

Un artigo de X.M.PIÑEIRO 

“É un disco que dentro duns anos terá un recoñecemento moi grande, vai ser un disco de culto”. Marco Maril non oculta o seu querer e admiración por Fluzo, o proxecto de Hevi (Malandrómeda, Non Residentz) e Javier Álvarez (entre moitas outras cousas, co-responsábel do ‘Sr. Anido & Sra. Álvarez’) que en 2010 gravou un traballo imprescindíbel. “Nese disco hai unha mistura de moitas cousas: hip hop, rock, cultura popular...” argumenta Marco Maril para Álbums de Aquí e de Acolá. “Colleron en certo xeito o relevo dos Resentidos e levárono un paso máis alá”. 
Fluzo
Destaca o músico compostelán residente en Vigo a forza dos seus veciños da capital galega. “As referencias, a forma de empregar o galego... É un disco punk, un disco hip hop, é un disco que o ten todo”, subliña, ao tempo que recoñece que “a primeira vez que o escoitei flipei”. 
Preguntado por un disco internacional, Marco Maril sinala todo un clásico, ‘Velvet Undergrond & Nico’ (1967), o célebre ‘Banana Cover’. “É un grupo e sobre todo neste disco que é unha referencia que logo se empregou para construír a maior parte das cousas que me molan ou inflúen”. 
11 temas e 48 minutos nos que se condensa un tratado seminal do rock sen o que non se poden entender o que foi e o que pasou musicalmente nestas cinco décadas. O disco de debut máis influínte da historia do rock. Na súa saída non foi ningún éxito comercial, apenas vendeu mais do que se di que todas aquelas persoas que o mercaron acabaron montando un grupo.
Velvet_Underground_and_Nico

“Se grupos como Sonic Youth existiron foi en 90% porque houbo Velvet”, afirma Apenino ao tempo que destaca que a influencia da escuadra de Lou Reed e John Cale estendeuse moito máis alá que nos grupos de guitarras e ruído e callou tamén noutras latitudes musicais, como nas que navegaban coetáneos como David Bowie.



[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário